A Xunta fomenta a prevención de riscos no manexo do tractor nos concellos do Val Miñor

A Xunta, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, está a desenvolver unha nova campaña dirixida á prevención de riscos laborais no manexo do tractor que ten como obxectivo concienciar e reducir a sinistralidade neste sector, especialmente no eido rural, sensibilizando á poboación para que incorpore nas súas tarefas cotiás a prevención de riscos para evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas.

Esta iniciativa coa que se busca reducir a sinistralidade neste eido achegando as recomendacións necesarias para evitar accidentes, froito da colaboración das administracións públicas, está presente en 11 concellos da área territorial de Vigo. Concretamente en Redondela, Gondomar, Nigrán, Baiona, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Cangas, Moaña, Mos e Vigo.

No que atinxe ao conxunto da Comunidade, a campaña chega a toda Galicia con especial atención a 208 concellos do medio rural. Así, repartiranse 18.000 fichas informativas e 5000 carteis con información sobre as causas máis recorrentes dos sinistros e as recomendacións básicas que poden evitar accidentes ou, polo menos, minimizar as súas consecuencias.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, distribúe este material en 138 localidades a través de diversos puntos: concellos, centros de saúde e sociais, farmacias, comercios de maquinaria agrícola, puntos de venda de material e produtos agrícolas, colexios e institutos, cafeterías e bares, clínicas veterinarias e cooperativas agrarias e gandeiras.

Así mesmo, facilita a información á Consellería do Medio Rural para a súa distribución nas oficinas agrarias comarcais e nas unidades tramitadoras do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA). Mentres que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta colabora no reparto a 70 concellos que teñen agrupacións de voluntarios de protección civil. O ISSGA tamén facilita 7500 trípticos informativos á Garda Civil de Tráfico para o seu reparto en controis en vía pública en toda a Comunidade. A documentación tamén difúndese a través da páxina web do ISSGA (issga.xunta.gal) e das súas redes sociais (twitter e facebook).

A campaña xira en torno a tres eixos principais: alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando de cales son as causas máis recorrentes dos sinistros; informar de cales son as causas máis habituais; e achegar as recomendacións básicas, que de terse sempre en conta, evitarían os accidentes ou, polo menos, minimizarían as súas consecuencias.

Deste xeito, na documentación recóllese información técnica en catro ámbitos que se consideran os máis relevantes na prevención dos riscos neste eido: a seguridade viaria, a protección de toma de forza e do eixo cardánico, as proteccións do tractor fronte a envorcadura e medidas contra a envorcadura.

Poboación destinataria

A campaña vai dirixida non só á poboación traballadora senón tamén ao resto da cidadanía que utiliza o tractor en actividades no ámbito familiar. Cómpre destacar que a maior parte dos accidentes en tractor non son laborais: dos 18 sinistros mortais rexistrados ata outubro de 2018 ningún tivo lugar no ámbito do traballo. A gran maioría destes sinistros prodúcense entre persoas maiores de 65 anos, sendo as principais causas as envorcaduras, atrapamentos e accidentes de circulación.

Así mesmo, a iniciativa pon o foco na poboación máis nova co obxectivo de que incorporen o valor da anticipación ao risco como xeito de evitar os perigos e os accidentes no manexo do tractor.

Estratexia de seguridade e saúde no traballo

A actuación forma parte da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en coordinación cos axentes sociais, está desenvolvendo para garantir un emprego seguro e de calidade como elemento clave da competividade.

Con esta nova Estratexia estase a reforzar o rol do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) no deseño, coordinación e execución das políticas públicas, ao tempo que potencia e fortalece ás institucións dedicadas á prevención.