Concello de Nigrán e Asociación de Empresarios e Comerciantes OVALMI, coa colaboración de Adegas Val Miñor, organizan do venres 23 de novembro ao domingo 2 de decembro a quinta edición do Concurso Gastronómico Bocados, un evento xa consolidado no outono nigranés, que se presentou este mércores na cafetería Coffee & Meal, gañadora do premio ao “Mellor Bocado” do ano pasado. Nesta ocasión participan unha ducia de establecementos que ofrecerán no período mencionado cadanseu pincho e tapa por 1,50 euros e 3 euros respectivamente, con total independencia da consumición de calquera outra bebida ou produto.
«Este tipo de certames teñen gran aceptación entre o público e, ao tempo que dinamizan a hostalaría e restauración local, elevan aínda máis o nivel gastronómico do noso municipio», sostén o alcalde, Juan González, quen aposta por eventos que «axuden a desestacionalizar o turismo», de aí a elección de outubro para a súa realización. «É unha oportunidade única para achegarse a Nigrán e degustar auténticos manxares a prezos moi populares», anima o alcalde, Juan González.
«Gastromapas»
A dinámica de Bocados será similar á de anos anteriores. Todos os establecementos participantes poderán optar ao premio ao “Mellor Bocado 2018”, elección en mans dos clientes. Para participar na votación deberase acudir co folleto “Gastromapa”, que funciona a modo de guía orientativa para facer o percorrido e, cada vez que consuman algunha, selarase no propio local. No caso de que unha mesma persoa consuma varias tapas no mesmo establecemento, este selará tantos Gastromapa como consumicións de tapas realizara. Para poder votar e, polo tanto, optar ao sorteo de premios, o folleto deberá estar completo, é dicir, marcado por catro selos de establecementos diferentes e deberá depositarse nas caixas de correo habilitadas en calquera dos locais. Do reconto das votacións sairán os 3 nomeados ao Mellor Bocado 2018 de 1,50 euros y os tres da tapa de 3,00 euros. As instalacións de Adegas Val Miñor acollerán a entrega de premios, que consistirá nunha visita á adega, viñedos, degustación e noite de hotel para dúas persoas; 2 magnums Valmiñor e 3 de ebano 6; e finalmente, 4 premios válidos para dúas persoas para asistir á comida do día da entrega de premios.


