Oito tramos cronometrados compoñían o itinerario competitivo do Rally Comarca da Ulloa, a novena e última cita do Campionato Galego, na que Meira sumou unha nova vitoria e certificou o seu subcampionato galego, tras subirse ao máis alto do podio por diante de Alberto Otero e Antonio Fernández.
“É a primeira vez que compito nun destes coches, e o certo é que me gusta moito como vai. Resulta máis sinxelo de conducir que o Mitsubishi, pola súa repartición de pesos e deseño de suspensión, á conta de que equipa un motor de menor cilindrada”, comentaba Meira, que liderou de principio a fin unha proba situada nas estradas de Palas de Rei e Monterroso. “Todo transcorreu sen sobresaltos, e foi unha bonita pelexa con Alberto Otero, que nos fixo correr moito”.
A tempada galega de rallies finaliza, e Meira valora que “foi un ano difícil para nós, no sentido de que competiamos contra vehículos algo máis modernos, pero creo que demostramos ser competitivos ata o final, e estar en disposición de pelexar polo título. Agora toca empezar a traballar nos acordos necesarios cos nosos socios e colaboradores, para poder levar a cabo un proxecto atractivo o ano que vén. Quero dar as grazas a todos os que nos apoiaron esta tempada, así como aos afeccionados que seguen os rallies en Galicia. O ano que vén espero sigámonos vendo nas carreiras”.
CLASIFICACIÓN RALI COMARCA DA ULLOA
| POS | PILOTO-COPILOTO | VEHÍCULO | TEMPO |
| 1º | Meira-Tomé | Ford Fiesta N5 | 43:08.1 |
| 2º | Otero-Vázquez | Renault Clio N5 | 43:47.3 |
| 3º | Fernández-López | Mitsubishi Lancer Evo VIII | 45:56.5 |
| 4º | Iglesias-Iglesias | Ford Fiesta N5 | 46:03.2 |
| 5º | Pérez-Gándara | Renault Clio R3 | 46:10.4 |
(Ata 47 clasificados)

