Anuncios
Ticker de novas

Nenos de Baiona descobren o impacto dos microplásticos

FOTO: MRCYB // Os nenos recolleron plásticos nas praias da Barbeira e A Ribeira.

Unha vintena de nenos e nenas de diferentes colexios de Baiona participaron este sábado no “I Obradoiro de sensibilización ambiental sobre o impacto do plástico no medio mariño. Tras a pegada do plástico”, unha iniciativa organizada polo Monte Real Club de Yates para concienciar aos máis pequenos das repercusións que os plásticos xeran nos ecosistemas mariños.

As cifras déixano ben claro. Segundo datos da ONU, máis de 100.000 especies morren cada ano polo plástico que contamina o mar, e estímase que no prazo de 30 anos haberá máis plástico que peixes no mar. Algúns deses residuos plásticos son visibles ao ollo humano (macroplásticos), pero para ver outros moitos (microplásticos e nanoplásticos) hai que servirse de lupas e microscopios.

E iso é precisamente o que fixeron este sábado os participantes no obradoiro organizado polo Monte Real en colaboración coa Universidade de Vigo e o Concello de Baiona, e a implicación de ABANCA e Gadis. Tras recibir unha explicación sobre os tipos de plásticos existentes, a súa produción e a súa repercusión no planeta, os pequenos desprazáronse ás praias da Barbeira e A Ribeira para identificalos e recollelos.

Recolleron máis de 8 quilos de plásticos e descubriron microplásticos (dos que a maioría deles non eran conscientes da súa existencia) na area con materiais de laboratorio cedidos pola Universidade de Vigo como tamices e lupas binoculares.

Chámanse así as partículas de plástico que teñen menos de 5 milímetros e que son, na súa maior parte, indetectables a primeira ollada. Os que derivan nas praias son aqueles que o propio mar expulsa, despois de triturado e degradado de forma natural os plásticos que acaban nel. Apenas son visibles xa que se confunden coa area, pero están aí, e nos últimos anos, os investigadores empezaron a alertar á sociedade das súas terribles consecuencias.

Unha das primeiras medidas que se deben aplicar para reducir a presenza de plásticos e microplásticos no medio mariño é reducir a dependencia e o uso que os seres humanos temos dos plásticos.

O “I Obradoiro de sensibilización ambiental sobre o impacto do plástico no medio mariño. Tras a pegada do plástico” impartido pola licenciada en Ciencias do Mar e investigadora sobre contaminación mariña, Noelia Estévez, finalizou cunha entrega de premios aos participantes, na que participou o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; e unha comida ecolóxica e sustentable, con produtos de proximidade e envases reutilizables.

Anuncios