
Manifesto Miñor esixe ao alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, que deixe de vender fume e victimismo e póñase a traballar en serio no problema do transporte, e á Xunta de Galicia, que atenda as demandas en materia de transporte dos veciños de Gondomar, sen entrar en pelexas políticas curtopracistas e sen actitudes revanchistas, que actúe como unha Administración seria que representa a todos os galegos e galegas.
“Para completar o sainete preelectoral no que anda metido Paco Ferreira, que se un autobús pantasma de Vitrasa a Vincios, que se un valo publicitario reclamando transporte digno… Agora vén a Xunta e súmase á melé denunciando a colocación do devandito valo publicitario en lugar de axudar a resolver dunha vez un asunto tan grave, que lle afecta a tantos veciños, como é o servizo deficitario e terceiromundista de transporte que temos entre Gondomar e Vigo, co resto da comarca ou entre as nosas parroquias”, sinala Antonio Araújo.
“Lamentablemente da Xunta xa non esperamos moito, pois cada vez que decide actuar en Gondomar todas son pegas: ben cando nos afoga con Glifosato nas cunetas, ben cando usa a APLU indiscriminadamente para castigar a determinadas parroquias… cando pretende construír un macro tanque de bombeo de fecais no centro da Vila ou, cando bota unha eternidade para construír un novo Centro de Saúde que tiña que estar finalizado no ano 2010, e que por encima é máis pequeno do proxectado inicialmente”, lamenta o portavoz de Manifesto Miñor.
“Que o Sr. Ferreira deixe de imitar a Caballero coas súas leas coa Xunta e póñase a traballar en serio polo transporte, e a Xunta que atenda as demandas dos veciños de Gondomar, e que garde as actitudes vingativas para outras ocasións”, conclúe Araújo.