Anuncios
Ticker de novas

Nigrán acollerá un programa formativo da UVigo dirixido a maiores de 55 anos de todo o Val Miñor

O Concello de Nigrán acollerá en decembro o programa formativo “Mareas de coñecemento e experiencia” da Universidade de Vigo dirixido a maiores de 55 anos residentes nalgún dos tres concellos do Val Miñor. A iniciativa, que se desenvolverá o 3, 5, 10, 12, 17 e 19 de decembro, permitirá que, de xeito gratuíto, un máximo de 50 persoas poidan, durante tres sesións teóricas e outras tantas prácticas, formarse con docentes e persoal investigador da Universidade de Vigo en diferentes ámbitos do coñecemento. Os interesados poden inscribirse dende o luns 19 ao 30 de novembro na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán ou no 986 365 000 aportando o seu nome, apelidos, teléfono de contacto e o correo electrónico. O único requisito é ser maior de 55 anos residente no Val Miñor (en caso de non cubrirse as prazas admitiríase tamén aos maiores de 50 que desexen participar).

O programa arrancará o 3 de decembro no centro de negocios de Porto do Molle (Nigrán) e constará de tres sesións teóricas de 6 horas en total (de 17:00 a 19:00 os luns) e outras tres prácticas de nove horas os mércores (de 10:00 a 13:00 horas). O primeiro seminario “Xeografía, arte e historia”, será impartido por profesorado da Facultade de Historia e incluirá unha sesión teórica o día 3 sobre arquitectura e arte galego na contorna do Miñor e unha sesión práctica o 5 de decembro na que as e os participantes realizarán unha visita cultural á contorna do Miñor. O segundo seminario, “Ciencia e medio ambiente”, será impartido polo docente e investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio Bienvenido Díaz o 10 e o 12 de decembro e nel tratarase o coñecemento xeolóxico e realizarase unha visita ao esteiro da Foz na Ramallosa. O 17 e o 19 de decembro terá lugar o seminario de “Saúde, benestar e deporte” a cargo do docente e investigador do Departamento de Didácticas Especiais José Luis García Soidán, no que, na parte teórica, se abordarán os beneficios do sendeirismo para a saúde e na parte practica desenvolverase unha ruta cardiosaudable de 8 quilómetros no Val Miñor.

“Parécenos unha proposta moi acertada da Universidade de Vigo que permitirá aos maiores de todo o Val Miñor acceder a formación de calidade da man de expertos e sen practicamente ter que desprazarse. Ademais, trataranse contidos vinculados ao noso territorio, o que fai que resulte especialmente interesante”, incide o alcalde de Nigrán, Juan González.

Anuncios