A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor celebrou este sábado no Parador de Baiona a súa tradicional “Cea da Amizade”. Este ano, ademais, OVALMI conmemora o seu 25 aniversario, o que facía que a noite fose aínda máis especial. Acudiron un total de 185 persoas, empresarios, traballadores e amigos, ademais de representantes dos tres concellos da comarca, Paco Ferreira e Nuria Lameiro de Gondomar, Raquel Giráldez e Rubén Rial de Nigrán e Raúl Costas de Baiona. Puideron gozar dunha agradable velada con gran sorteo de agasallos doados por asociados, DJ coa mellor música para animar a festa e barra libre.
OVALMI agradece a todos os seus socios a súa confianza, colaboración e participación, especialmente a aqueles que estiveron os 25 anos ao seu lado, e desexa poder celebrar outros tantos anos xuntos, na tarefa de defender e impulsar a actividade empresarial no Val Miñor. Aos asistentes á cea, que fixeron que a noite fose perfecta, agradécelles a súa presenza e sobre todo a aqueles que participaron dunha ou outra maneira no desenvolvemento da mesma, doando agasallos para o tradicional sorteo, axudando á organización do evento ou ofrecendo aos asistentes deliciosos doces, como colofón da noite.

