Piden axuda a través das redes sociais para atopar ao condutor dun coche que atropelou este domingo a un mozo na zona da Ramallosa, en Nigrán. Ao parecer, o suceso produciuse sobre as 5:40 da madrugada na Avda. de Portugal, fronte ao local de lecer Azzaro Pub, cando o vehículo, de cor azul escura, golpeou ao mozo dándose a continuación á fuga, deixando atrás o espello retrovisor dereito. Os seus achegados solicitan colaboración cidadá para localizar ao autor. Calquera persoa que puidese ver algo ou teña calquera información pode poñerse en contacto no teléfono 671 927 967.
O mozo, de 24 anos e veciño de Vincios (Gondomar), foi trasladado ao Hospital Povisa en Vigo con traumatismo cranioencefálico e unha fractura de mandíbula, pero xa se recupera en casa tras recibir o alta. Unha patrulla da Policía Local desprazouse ata o lugar dos feitos levantando atestado e iniciou a procura para dar co paradoiro do condutor responsable do atropelo. Ademais, axentes da Garda Civil acudiron ao centro médico para entrevistarse coa vítima.

