Anuncios
Ticker de novas

A Deputación facilita en 24 horas a apertura do campo do Aral

O deputado e voceiro do goberno da Deputación de Pontevedra, Carlos Font, confirmou hoxe que a institución provincial facilitou en 24 horas unha solución ao Concello de Baiona para que poida proceder á inmediata reapertura do campo de O Aral. O obxectivo era resolver o conflito creado ao club Erizana polo retraso das obras da reforma do estadio, que leva a cabo o concello e que unicamente competen á Deputación en canto a que son financiadas con cargo ao Plan Concellos.

O alcalde de Baiona solicitou o pasado día 2 de novembro que a Deputación de Pontevedra autorizase o uso do estadio, algo que non era posible xa que ao tratarse dunha obra municipal calquera autorización neses termos ten que facela o Concello. Non obstante, para poder resolver a situación, e tras falar co alcalde onte mesmo, o goberno de Carmela Silva trasladou hoxe ao concello a un técnico provincial que puido comprobar e recepcionar as obras, en nome do Concello, co fin de proceder á reapertura do campo unha vez que asumiron desde instancias municipais a responsabilidade no desenvolvemento das obras e as medidas de seguridade correspondentes. A Deputación quixo facilitar así que os 200 deportistas do Erizana e as súas familias non sigan sendo as prexudicadas polo retraso na execución do proxecto e que non teñan que seguir desprazándose a outros campos da comarca. De feito, a institución provincial xa comunicou ao club Erizana as medidas tomadas que supoñerán a volta dos deportistas ás instalacións.

O proxecto que executa o Concello de Baiona no campo de O Aral conta co financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra por importe de 245.569 euros e consiste nunha reforma do estadio que xa está rematada pero que sigue á espera da instalación da pista de atletismo que, segundo explica o concello, está pendente de que lles chegue o material.

Anuncios