Anuncios
Ticker de novas

Nova alerta laranxa por vento, choiva e temporal costeiro

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por temporal costeiro, por vento e por choiva nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir desta noite esperase mar combinada con ondas que poderán superar os 6 metros e vento en mar de forza 7-8. Afectará ao litoral do oeste e noroeste da provincia da Coruña.

A partir das 9,00 horas de mañá, actívase tamén a alerta laranxa por choiva. Estímase que poden chegar a acumularse 80mm en 12 horas, no oeste e suroeste da provincia da Coruña; no interior e nas Rías Baixas, na provincia de Pontevedra.

Así mesmo, estas precipitacións virán acompañadas de fortes ventos, e a partir das 12 horas, poderá haber refachos de máis de 100 qm/h no noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo.

Recomendacións no mar

Por mor do temporal costeiro, desde a Consellería do Mar aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestas contornas, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotor, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.

Todos os medios do Servizo de Gardacostas de Galicia estarán en alerta para calquera incidencia que se poida producir a causa deste fenómeno meteorolóxico adverso. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios