A Compañía de Danza de Fran Sieira presenta en Gondomar “EntreSoños”

O Concello de Gondomar programa este sábado 10 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío o espectáculo “EntreSoños” da Compañía de Danza de Fran Sieira, incluído na programación “Outono á escena” organizada pola Concellería de Cultura. O prezo da entrada será de 3,50 euros e o despacho de billetes abrirá ás 19:00 horas.

Que é “EntreSoños”?

Ese Soño que me invade cada noite facéndome crer algo que non son, pero que podería chegar a ser… e á vez o medo e a incerteza que me dominan e fanme volver a ese estado de consciencia que me di que non é máis ca un Soño e que non deixará de ser nunca máis ca iso….

Dentro do meu soño teño ledicia, total liberdade de expresión e movemento. Non importa con quen, para quen, de que xeito e onde. Só importa a música e o movemento que o meu corpo xera ao sentila.

É o meu Soño, só mando eu. Dentro del non hai medos nin complexos. No Soño podo facer voar a miña imaxinación a límites insospeitados, limites inalcanzables para min ao espertar cada mañá de esa cama. No meu Soño podo bailar como eu sei, exprimindo o máis pequeno anaco de creatividade sen medos nin prexuízos porque é o meu Soño. A miña obra que cada noite me invade, apoderándose da miña inconsciencia e facéndome vivir o que fora desa cama non me atrevo a amosar.

EntreSoños é unha obra de baile e música tradicional galega de 70 min de duración, cun elenco artístico de 3 bailadores/cantadores: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijoó, ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos, todo isto dentro de un marco escénico deseñado por Vanesa Hernández (escenografía) e Luis Perdiguero ( iluminación), e vestiario deseñado por Alessio Meloni, e dende unha visión contemporánea a través dos ollos do director artístico David Vilariño (bailarín contemporáneo e coreógrafo).

Deste xeito poderemos ver en escena a figura dunha persoa deitada como si nunha cama se tratase inmersa nun profundo soño. Pero lonxe de conseguilo é invadida por milleiros de pensamentos e inquietudes. Dentro dos seus soños cobra vida esa valentía por conseguir todo o que se propoña, pero tamén ás súas debilidades, medos e frustraccións. Unha loita por alcanzar ou dar vida a eses soños que nunca puido ou se atreveu a levar a cabo, á vez que os medos e inseguridades o invaden dicíndolle que non son máis que soños que desaparecerán cando esperte da súa cama…

Esta personaxe deixarase levar por ese duende malo que lle di que se lance ao abismo, que sexa valente e que faga o que o corazón lle pida, pero que a súa consciencia lle impide, e ao mesmo tempo loitará e/ou deixarase guiar por esa voz da templanza, da tranquilidade, esa voz que lle fai ser consciente de que non son máis que soños e non poderán ser máis ca iso.

Escenificando deste xeito encrucilladas nas que cada un de nós nos vimos envoltos nalgún momento das nosas vidas. Esas gañas por perseguir os nosos soños e inquietudes e eses medos que nos paralizan e non nos deixan avanzar…

Anuncios