O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia o cobro ilegal por parte do Concello de Nigrán relativo á “Taxa pola entrada de vehículo a través de beirarrúas”, (vulgarmente coñecida como de entrada de carruaxes), correspondente ao exercicio fiscal de 2018 e que o goberno local ha posto ao cobro durante o período do 3/9 ao 6/11/2018, a pesar de ser derrogada a ordenanza fiscal reguladora polo Pleno da Corporación celebrado o 26 de outubro de 2017 e publicado no Boletín Oficial da Provincia número 248 do 29 de decembro de 2017.
UCN lembra que foi precisamente e a proposta do seu grupo o que expuxo a necesidade de derrogar a aplicación da citada ordenanza fiscal a partir do ano 2018, tendo en conta do atraso que vén producindo na posta ao cobro dos recibos –xa que unicamente cobrouse o 2013 e 2014-, e coa finalidade de poñer ao día o atraso acumulado, como consecuencia da mala xestión levada a cabo polo anterior goberno do PP, “que despois de dar un sablazo aos cidadáns cun incremento desproporcionado, non tivo a valentía de poñer os recibos ao cobro –por medo ao custo político que puidese supoñer-, polo que se acumularon os exercicios pendentes e que aínda faltan por cobrar os anos 2015, 2016 e 2017, e evitar así ter que pagar os veciños varios exercicios xuntos para normalizar a situación, e non cargar as consecuencias dunha mala xestión sobre os cidadáns, como sempre sucede”.
Fernández Comesaña, insta o alcalde Juan González a que resolva o problema xerado polo cobro ilegal dunhas taxas referidas ao exercicio 2018 -por ser ilegal-, cando non procede o seu cobro por estar derrogada a Ordenanza Fiscal reguladora, e procédase á devolución dos importes ilegalmente cobrados, poñendo unicamente ao cobro neste exercicio os recibos correspondentes ao ano 2015.

