Gondomar renova a súa colaboración co Centro Juan María

O Concello de Gondomar e a Asociación Benéfico Social de Padres y Amigos La Esperanza del Valle Miñor, responsable do Centro de Educación Especial Juan María, renovaron este luns o convenio de colaboración que manteñen entre as dúas entidades. O alcalde, Paco Ferreira, e o presidente da Asociación Benéfico Social, José Santoro, asinaron nas dependencias municipais o acordo polo que o Concello de Gondomar destina á entidade unha partida de 1.000 euros. “Este centro desenvolve un traballo social e educativo no Val Miñor incalculable, e toda a axuda que lle podamos prestar desde as institucións é pouca”, aseverou Ferreira.

A Asociación Benéfico Social é un colectivo de nais, pais e titores de persoas con discapacidade intelectual que traballan desde hai máis de 30 anos para achegar aos fillos ou tutelados o benestar, a protección, educación e os apoios que necesiten para a súa inclusión social e laboral plena na contorna na que viven. Cada día, son 50 os profesionais que axudan para dar cobertura á poboación de Nigrán, Gondomar, Baiona, Vigo e Mos. É titular de tres centros, un de educación especial, un ocupacional e un de día, situados en Parada, que prestan servizo a máis dun centenar de persoas con discapacidade intelectual.