A primeira choiva intensa do outono provoca pingueiras nun vestiario da Piscina Mancomunada

Despois de que o pasado 31 de outubro tivese que pecharse o vestiario masculino da Piscina Mancomunada do Val Miñor debido ao desprendemento de parte do teito da zona de acceso ás duchas, hoxe foi o vestiario de mulleres o que quedou inutilizado polas pingueiras e as baixas temperaturas, xa que a choiva coouse por unha das súas xanelas, que ten o peche estragado. O persoal de mantemento da instalación atópase de vacacións e non puido reparalo durante o día, polo que a solución foi desviar ás usuarias ao baño de nenos.

“Ademais das reformas supostamente realizadas nas instalacións durante o mes de agosto, este mesmo vestiario estivo pechado por reformas entre os días 25 e 28 para realizar melloras adicionais, polo que resulta inexplicable esta situación coa chegada das primeiras choivas intensas”, sinalan desde a Plataforma de Usuarios da Piscina Mancomunada do Val Miñor. A auga entrou tamén na sala de fitness, situada na planta superior, na que o persoal mesmo tivo que colocar un cubo nunha zona de paso para recoller as pingueiras.

2018-11-06 - d85cabdd-fb33-468a-8f81-56f7af3ee0f0