A partir do día 5 de novembro, os veciños de Gondomar contarán cos servizos de Vitrasa, que por primeira vez chegará ao Polígono Industrial da Pasaxe. As conversacións mantidas durante os últimos meses entre a Concelleira de Transportes de Vigo, Mª Ángeles Marra, e o Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, permitirá que os gondomareños conten cun servizo de transporte que os achegue cada media hora e desde a primeira hora da mañá ata a última da noite, aos principais puntos da cidade olívica (Praza de España, Castrelos, Gran Vía, etc.), traxecto comprendido dentro da liña 7.
Coa implantación deste servizo de transporte “os máis beneficiados serán os máis de 3.000 veciños da parroquia de Vincios e en especial os máis de 500 veciños que viven no barrio da Fraga, como aos 3.000 traballadores que alberga o complexo industrial da Pasaxe, que terán o servizo de Vitrasa na porta das súas casas e os seus postos de traballo. O resto de gondomareños terán que achegarse de momento ata Vincios para coller o bus urbano, pero este primeiro paso, abre novas expectativas de interconexión entre ambos os dous concellos e nun futuro non se descarta a ampliación do servizo e de itinerarios”.
O prezo do billete será de 1,35 euros en tarifa ordinaria e as frecuencias e itinerarios poderán consultarse na propia páxina web de Vitrasa e a do Concello de Gondomar, referente á liña 7, que contará coas súas novas paradas desde este luns na rotonda onde se sitúa a empresa de automoción BorgWarner e unha segunda na entrada ao barrio da Fraga.
O Alcalde Paco Ferreira agradece o esforzo do Goberno de Vigo, moi en especial á súa Concelleira Ángeles Marra, “pola súa implicación na mellora do transporte público de viaxeiros en Gondomar e Vigo e que tantos quebradizos de cabeza causou aos gondomareños durante anos, sendo este primeiro paso o comezo dunha serie de propostas que abren novas vías para mellorar a comunicación a través do sistema de transporte público, que demandaron de maneira reiterada os nosos veciños durante anos e que a Xunta de Galicia non foi, nin é, capaz de solucionar, nin quere facelo, porque non lles preocupamos en absoluto a veciños da Área Metropolitana, e menos aínda, os concellos que non sexan do seu mesmo cor. A pesar iso, e de ser a propia Xunta de Galicia a que debese buscar a solución ao transporte, por ser a administración que ostenta a competencia exclusiva para facelo, e só sabe poñerse de perfil e desatender a veciños e aos seus representantes, obrigando a estes a ter que buscar solucións e alternativas por conta propia, como é este caso ou o estudo que desde o goberno municipal de Gondomar estamos a levar a cabo para a implantación dun transporte público interparroquial e/ou un convenio e/ou acordo co servizo de taxis do municipio”, tal e como informou hoxe o alcalde Paco Ferreira, na asemblea celebrada coa plataforma de afectados e por un transporte digno para Gondomar.

