Baiona celebra este sábado o VI Trail Trans Serra da Groba con preto de 400 inscritos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Trail Trans Serra da Groba.

Baiona celebra este sábado 3 de novembro a sexta edición do Trail Trans Serra da Groba, con saída e meta no Pavillón Municipal de Deportes. Pechado o prazo de inscrición, hai un total de 373 corredores anotados repartidos nos tres tipos de proba das que consta o evento -Trail (61), Mini Trail (165) e Trialiño (147).

O venres de 17:00 a 21:00 e o sábado de 6:30 a 7:00 horas os inscritos poderán recoller os dorsais no Pavillón de Deportes. Ás 19:00 horas do venres haberá unha charla técnica no Salón de Actos do Colexio Covaterreña, na que organización facilitará información sobre o percorrido da proba, así como os detalles organizativos máis relevantes. A duración prevista é duns 30 minutos e os atletas participantes poderán realizar as consultas que consideren oportunas.

Xa o sábado, ás 7:30 horas será a saída do Trail, cunha distancia aproximada de 42 km, un desnivel positivo aproximado de 2.200 metros e desnivel acumulado de 4.400 m, dificultade tanto física como técnica alta. Contará con 5 avituallamentos + avituallamento de meta e un tempo máximo para completalo de 9 horas.

Ás 10:00 horas comezará o Mini Trail, duns 25 km, cun desnivel positivo aproximado de 1.328 m e desnivel acumulado de 2.658 m, dificultade tanto física como técnica media. Terá 3 avituallamentos + avituallamento de meta e un tempo máximo para completalo de 4,30 horas.

A saída do Trialiño, cunha distancia de aproximadamente 12 km e dificultade tanto física como técnica media, será ás 10:30 da mañá desde Chan da Lagoa. A Organización poñerá un servizo de autobús para os participantes que non poidan desprazarse polos seus propios medios ata o lugar de saída.

O itinerario percorre os montes da “Serra da Groba” transcorrendo polos Concellos de Baiona e Oia, percorrendo as parroquias de Baiona, Baredo, Baíña, Belesar, Mougás, Torroña e Santa Cristina da Ramallosa, por pistas forestais, carreiros tradicionais e tramos de asfalto á saída e á chegada a meta.

Ás 15:00 horas celebrarase a entrega de premios no Pavillón de Deportes.