Adrián Valverde volveu ser o Elite máis forte en Culleredo

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde no II Trofeo La Laboral.

Suma e segue Adrián Valverde da Copa Galicia de Ciclocrós. Na quinta xornada do certame autonómico, o corredor do Club Ciclista Rías Baixas obtivo o quinto triunfo da tempada dentro da categoría Elite. O baionés da estrutura presidida por José Luis Chamorro terminou cuarto na clasificación absoluta do II Trofeo La Laboral, disputado na localidade coruñesa de Culleredo.

Tras máis de 1 hora de esforzo, Valverde certificou o seu repóker de vitorias. Superou por 50 segundos aos seus perseguidores Jorge Punzón (Prebetong) e Darío Otero (Compostelano) e, desta maneira, ampliou a súa vantaxe na clasificación xeral da Copa.

Por diante dos integrantes do podio elite terminaron tres ciclistas en idade Sub23. Samuel González (Guerciotti) resultou inalcanzable para Mario Junquera (Kuota) e Iván Feijoo (Maceda). O gañador e novo líder da xeral absoluta avantaxou en 2 minutos e 35 segundos a Valverde, que na táboa conxunta Elite e Sub23 mantense terceiro.

O Club Cicista Rías Baixas tamén contou con representación na carreira Máster-30. As cores da formación miñorana luciunos Adolfo Martínez (29º clasificado).

A Copa Galicia vivirá unha dobre xornada esta fin de semana en Ferrol.

Anuncios