A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, un novo investimento no Concello de Gondomar. Trátase de 45.042,47 euros do Plan Concellos que serán dedicados á reforma dos interiores dos pavillóns deportivos de Gondomar e Donas.
Esta actuación forma parte da Liña 1, reservada a investimentos, e súmase a outras cinco que xa foron concedidas ao longo deste ano: a reforma da contorna do Peto de Ánimas de Piñeiro, á que se destinan 70.060,29 euros; a primeira fase da reforma e pavimentación da praza da Paradela e da súa contorno, con 79.882,05 concedidos este ano e outros tantos o ano próximo; obras de urbanización na Rúa da Igrexa por un importe de 69.975,11 €; e a primeira fase reforma e pavimentación do camiño de Sequeiros, para o que a Deputación aportará 165.075,55 euros.
Na Liña 2 a Deputación concedeu un total de 18 subvencións, entre as que destacan as destinadas ao Gondoverán 2018, cun importe de 15.455,36 euros; o 35º aniversario do Conservatorio, ao que se destinaron 11.244,40 €; a guía de Turismo, con 6.240 euros; diferentes cursos para maiores (memoria, ximnasia de mantemento e informática básica), que suman preto de 11.500 euros; un curso destinado a 30 mozas e mozos para aprender o oficio de operador de carretillas elevadoras, cun importe total de 3.510 euros; unha aula de teatro, por 5.888 euros; ou a IIIª Gala do Deporte de Gondomar, na que se investiron 7.913 euros da Deputación.
Pola outra banda, con cargo á Liña 3 do citado Plan Concellos, que se destina ao emprego, Gondomar recibiu 218.552,34 euros destinados ao financiamento da contratación de 20 traballadoras e traballadores para a súa incorporación ao persoal do Concello. Este ano co Plan o goberno de Carmela Silva destina a Gondomar 1.667.227,04€, un 77,2% máis que en 2017.

