O Concello de Nigrán vén de instalar unha gaiola de exercicios múltiples nun costado do campo de fútbol de Lourido, en Praia América, por importe de 4.125 € e con cargo á Deputación de Pontevedra. Esta instalación súmase á colocada polo goberno local hai dous anos na Alameda de A Ramallosa, sendo Nigrán o único municipio da comarca que conta con elas.
«Na zona de Praia América, coma no paseo de A Ramallosa, hai moita xente que practica deporte ao aire libre e que agradece a posibilidade de ter esta instalación para facer exercicio», xustifica o alcalde, Juan González, quen encadra a iniciativa «na aposta do goberno pola promoción do deporte, especialmente ao aire libre e en espazos públicos».
A gaiola de exercicios múltiples está baseada no sistema de adestramento crossfit, xa que consta de barras simples para flexións de brazos, escaleira inclinada, barra de fondos, barras triangulares, espaldeira, escaleira horizontal e barras dobres. Ambas gaiolas están situadas en puntos estratéxicos do municipio, xa que son zonas moi frecuentadas polos runners, un deporte en alza.

