A protectora de animais Bai.senpulgas pedía este luns axuda urxente para salvar a Daeneris, unha cachorriña de apenas un mes de vida atopada nun contedor de Redondela que ten hidrocefalia, unha enfermidade pola cal non pode camiñar, manterse en pé, comer ou beber soa. Esta doenza produce unha acumulación de líquido cefalorraquídeo no cerebro que segue aumentando ata causar a morte.
Este martes, a asociación anunciaba que xa conseguiu o diñeiro suficiente para realizarlle un TAC este mércores en Portugal, que custa 490 euros, para ver se é posible operala ou saber cal é o tratamento que debe seguir, e 1.000 euros para a cirurxía, da que aínda descoñecen o custo.
Bai.senpulgas atópase con moi pouco diñeiro na conta e debe 3.000 euros en veterinarios. “Estas probas e esta posible operación supoñen un gasto moi elevado e necesitamos axuda de todos para poder sufragalo. Calquera axuda é benvida, un granito de area pode construír unha gran montaña”, sinalan desde o colectivo.
Todos os que desexen colaborar poden facelo realizando unha doazón na conta de Abanca ES30 2080 5015 6130 4002 8917, a través de Teaming ou PayPal. Para contactar coa asociación está dispoñible o teléfono 645 181 585.

