Sin categoría

Primeira derrota da tempada para o Cereixa

Primeira derrota da tempada despois de disputar un partido con dúas caras moi diferenciadas; a primeira na que o Cereixa Gondomar FS estivo moi lonxe da súa mellor versión, e unha segunda onde os de Vincios activáronse e puxeron ao local contra as cordas sen dar a estocada final.

O encontro chegaba marcado polas baixas do visitante; ata 4 xogadores quedaron fóra por traballo e lesións pero había equipo dabondo para afrontar o duelo de ti a ti. Con todo o visitante saíu durmido e con pouco ritmo nos primeiros 20 minutos de partido, situación que aproveitaron os locais para chegar 2-0 ao descanso.

Na continuación o equipo enchufouse e Luca descontaba ao minuto (2-1). O rival non levaba perigo e o Cereixa Gondomar FS buscaba o empate pero non estaba acertado para gol. Quizais no único fallo da segunda parte chegaría o 3-1 para o Lume FS pero Esteban, coa colaboración do porteiro local, poñía emoción ao encontro (3-2) e o visitante ía a por máis.

O equipo tivo varias ocasións claras de gol pero a falta de 56 segundos e con porteiro xogador, unha perda en ataque deixou en bandexa o 4-2 final. Agora toca empezar a preparar a visita do Tui Futsal.