Sin categoría

Alumnas e alumnos daneses, de intercambio co IES Auga da Laxe de Gondomar

Desde o pasado domingo 21 de outubro e ata o sábado 27, o IES Auga da Laxe de Gondomar recibiu a un grupo de 18 alumnas e alumnos daneses para participar nun intercambio co alumnado de 2º de bacharelato, organizado polo departamento de Inglés. Estes rapaces e rapazas, que teñen entre 16 e 19 anos, estudan no Viby Gymnasium, un centro educativo situado en Viby, unha zona da cidade de Aarhus, a segunda máis importante de Dinamarca. Este intercambio, que se realiza desde o curso 2012-2013, terá logo unha segunda parte cando alumnado de Gondomar viaxe a Dinamarca no mes de marzo de 2019.

Durante esta semana os rapaces e rapazas daneses conviviron coas familias do alumnado e fixeron diferentes excursións: un roteiro en bicicleta ata a praia de Patos, onde puideron practicar surf, e visitas ás cidades de Vigo e Santiago. Ademais, participaron en distintas actividades que se desenvolveron no instituto: asistencia a algunhas clases (español, música ou plástica, entre outras) e participación nunha sesión práctica de tiro con arco, nunha sesión de introdución á lingua galega ou nun xogo pola vila, propostas que se complementaron cunha visita ao Pazo do Conde de Gondomar, unha iniciativa que contou coa colaboración do Concello. O programa de actividades pechouse cunha cea de despedida que tivo lugar o venres 26.

Esta iniciativa forma parte do proxecto de internacionalización do IES Auga da Laxe, no que se inclúen tamén outros tres intercambios con diferentes centros educativos de Alemaña e Francia, que teñen como obxectivo fortalecer a aprendizaxe de linguas estranxeiras e fomentar o coñecemento doutras culturas.