Segundo round da Liga de Outono AXA J80

FOTO: ROSANA CALVO // A Liga de Outono AXA J80 é unha competición moi disputada pola igualdade dos monotipos.

Este sábado regresa á baía de Baiona a Liga de Outono AXA J80 do Monte Real Club de Yates, que retoma as súas probas tras a súa inauguración, fai quince días, con vitoria do Okofen de Javier de la Gándara, que encabeza a clasificación seguido do Marías – Casas do Telhado de Manuel María Cunha.

Ás tres da tarde, o comité de regata, presidido por José Ángel Rodríguez, dará saída á primeira das tres probas fixadas no programa da competición, uns percorridos barlovento-sotavento aos que os monotipos deberán dar dúas voltas completas.

As previsións meteorolóxicas anuncian unha xornada complicada pola intensidade do vento, que podería chegar ata os 25 nós, sobre todo nas primeiras horas de navegación. Conforme avance a tarde irá diminuíndo a súa forza pero podería entrar en escena tamén a choiva. Será, en calquera caso, un día frío, con máximas que non superarán os 13 graos.

Con estas condicións, os J80 participantes irán debuxando o novo esquema do podio provisional, que a día de hoxe ocupan o Okofen, o Marías e o Mondo, de Bernardo Macedo; primeiro, segundo e terceiro respectivamente. Axexando eses postos de cabeza aparecen despois na clasificación o Namasté de Luis de Mira, o Pazo de Cea de Cristina González Cominges e o Luna Nueva de Juan Luis Tuero.

Algo máis abaixo séguelles o Cunichán de Javier Martínez Valente; e o Cansino de Fernando Yáñez e o Cormorán II de Yago González-Robatto pechan a clasificación sen puntuación ao retirarse da competición na primeira xornada.