Sin categoría

Nigrán entrega os premios do “I Concurso de Fotografía Medioambiental: As Invasoras”

O Concello de Nigrán entregou onte os premios do seu “I Concurso de Fotografía Medioambiental: As Invasoras”, nacido co obxectivo de concienciar ao veciño e ao visitante da flora que ameaza o ecosistema dunar de Praia América-Panxón e difundir entre a poboación o seu coñecemento co fin de preservar a biodiversidade local.

Á mesma acudiu María Gutiérrez Cedrón, gañadora cunha imaxe na que se pode ver a unha parella de gorrións posada en sendas herbas da pampa, e o terceiro clasificado, Álvaro Rodríguez Pérez. A gañadora e o segundo clasificado, Fernando de la Peña (quen non puido asistir ao acto) recibiron un bono por un curso de surf semanal a cargo de Prado Surf, o terceiro, Álvaro Rodríguez, un cargador de móbiles solar.

O xurado valorou de Gutiérrez a calidade técnica e artística da imaxe, a capacidade para comunicar visualmente a existencia desa invasora e a orixinalidade e creatividade da mesma, xa que mestura fauna autóctona con flora foránea.

O Concello de Nigrán forma parte da Red de Gobiernos Locales por la Biodiversidad da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e, consecuentemente, encadra esta iniciativa de carácter educativo e divulgador na súa firme aposta pola conservación e protección do ecosistema dunar de Praia América-Panxón.