
Esta semana inaugurouse o curso de soldadura semiautomática dirixido a persoas desempregadas de Gondomar, que terá unha duración de 110 horas lectivas, en modalidade presencial, organizado pola Concellería de Emprego e Dinamización Económica.
“Poder traballar para favorecer que a mocidade ou os desempregados poidan ter maiores oportunidades laborais, e por tanto, un futuro máis digno, é un dos grandes motores que nos impulsan a comprometernos coa vida política da vila. Mesmo sen recibir remuneración económica, é moi gratificante poder aportar ideas e proxectos para mellorar a calidade de vida das persoas da nosa contorna, do noso concello”, sinala Xosé Antón Araúxo.
“Estas sensacións son as que experimentei a comezos de semana, cando, xa como concelleiro sen responsabilidades de goberno, me acheguei ata o lugar onde 15 persoas do noso concello comezaban un curso de capacitación en soldadura semiautomática “Mig-Mag”, que organizaramos dende a Concellería de Emprego. Non quería deixar de estar presente nun momento de tanta ilusión, nin deixalos sen que asistise ninguén da corporación”, afirma Araúxo.
“Ver a persoas do noso concello comprometidas en formarse, en conseguir traballo, en mellorar o seu futuro, é a maior recompensa que podemos recibir, as persoas que decidimos implicarnos na construción dun Gondomar mellor, pensando sempre no ben común. Desexo que teñan moito éxito no seu proceso formativo, e unha pronta inserción laboral”, conclúe o concelleiro de Manifesto Miñor.