Anuncios
Ticker de novas

Gondomar non se incorporará ao transporte metropolitano ata polo menos 2020

Veciños e veciñas de Gondomar manifestáronse este martes diante da Delegación da Xunta de Galicia en Vigo convocados pola Asemblea Veciñal por un Transporte Digno e o Concello. Con esta nova acción quixeron seguir a denunciar a actitude da Conselleira de Infraestructuras e Vivenda, Ethel Vázquez, “que desde hai case dous anos está a impedir deliberadamente a entrada de Gondomar no transporte metropolitano, e con ela a posibilidade de se beneficiar da tarxeta metropolitana cos conseguintes descontos nos billetes ou da gratuidade para os menores”.

Alí fixeron entrega por rexistro de todos aqueles apoios recibidos, que polo momento, só nunhas semanas, ascenden xa ás case 1.000 sinaturas. Tamén entregaron un documento no que se recollen non só as críticas e reclamacións a respecto das deficiencias no servizo de transporte público colectivo que se padece no Concello de Gondomar, senón tamén unha proposta de accións encamiñadas a melloralo.

Despois de ter solicitado desde hai 6 meses unha entrevista coa Conselleira, que ela derivou a primeiros de setembro ao Delegado Territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto ao xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, recibiron ao alcalde, Francisco Ferreira, e aos representantes da AVGT.

Segundo indicou o representante autonómico a incorporación efectiva de Gondomar ao plan atópase nestes intres en estudo, e así llo trasladou aos veciños e ao propio rexedor, ao que lle lembrou que votou ata en dúas ocasión en contra da adhesión en pleno municipal.

López-Chaves xustificou así que Gondomar, que ao votar a andar o Plan de Transporte Metropolitano o 27 de abril de 2015 formaba parte dos 14 concellos que ían subscribir o convenio coa Xunta, quedase excluído. Non obstante, garantiu que se abordará a súa integración cos mesmos criterios cos que a dos 25 municipios que a teñen solicitada a día de hoxe, entre eles varios do sur de Galicia, como Ponteareas. “Estes concellos non entenderían un trato distinto e menos cun municipio que tivo a oportunidade de incorporarse e a rexeitou”, apuntou.

A Asemblea destaca que o apoio da veciñanza é amplo, diverso e segue a medrar, e lamenta que “despois dunha ampla verborrea, as palabras conciliadoras do Sr. Ignacio López Chaves resúmese nun bloqueo na mellora do transporte para Gondomar ata, polo menos 2020 segundo os plans da Xunta do PP, coincidindo co remate das concesionarias e unhas novas eleccións”.

“Consideramos isto inadmisible, unha desconsideración a todas nós, a todas as persoas usuarias que precisamos dunhas liñas útiles, fixas e económicas. Ante a constante suba dos prezos do billete, aquelas persoas que xa tiñamos recursos limitados, quedamos nunha situación crítica cando unha parte importante do noso salario vaise cando vamos e volvemos do noso posto de traballo”, critican desde a AVGT.

Segundo a Asemblea isto responde á política que promove Feijóo desde a súa entrada no Parlamento, “onde o desmantelamento das parroquias, do rural galego parece un dos obxectivos do partido, sexa pechando escolas ou retirando liñas que conecten o medio rural co urbano. A concentración de onte foi un paso máis na nosa loita particular, e isto non fixo máis que comezar. Grazas por todos os apoios, toda a xente que se sumou e segue a sumar connosco”, conclúen.

Anuncios