Anuncios
Ticker de novas

A escritora arxentina Angélica Fontenla visita a Biblioteca de Baiona

Hoxe é o Día da Biblioteca e a de Baiona recibiu unha visita moi especial. Angélica Fontenla, escritora arxentina e unha das máis firmes defensoras da cultura galega no seu país, atópase estes días de visita na Vila en casa duns familiares. Fontenla achegouse ata o recentemente rehabilitado edificio Sancti Spiritus para coñecer as novas instalacións. O Alcalde, Ángel Rodal, e a Concelleira de Cultura, María Iglesias, recibírona e foi entón cando se produciu un encontro interxeracional entre os escolares baioneses e a veterana escritora.

A ilustre literata e poetisa contou as súas vivencias ao alumnado do colexio CPI Cova Terreña e aos mandatarios, que se achegaron ata o recentemente rehabilitado edificio para celebrar o Día da Biblioteca xunto coa arxentina e os escolares. O persoal municipal foi o encargado de guialos polas rehabilitadas instalacións e mostroulles as diferentes coleccións e o seu funcionamento. A visita culminou coa entrega do novo carné da biblioteca a cada un dos nenos e nenas, e tamén á escritora. Como recordo da súa visita a arxentina cedeu dous dos seus libros, que pasarán a formar parte do catálogo da Biblioteca de Baiona: “Como lágrimas de lluvia”, exemplar de poemas, e “Mosto amargo da melancolía”.

Actividades dinamización

Ao longo do mes de outubro a Biblioteca de Baiona estivo realizando diferentes actividades de dinamización. Entre elas atópanse: conta contos para bebés, un espectáculo de maxia no que as palabras foron as protagonistas ou a presentación do libro de Jesús González Maestro, entre outras.

Ademais da visita dos escolares, para celebrar o Día da Biblioteca programouse para esta tarde un obradoiro de dobraxe. Trátase dunha actividade lúdica educativa, que achegará aos nenos e nenas participantes, dunha maneira amena e participativa, a este fascinante mundo. Mediante unha dramatización moi visual, mostraranse todos os pasos da elaboración dunha película, desde a creación do guión ata a dobraxe, que -como non- os asistentes realizarán.

2018-10-24 - Alcalde, Concejala, Fontenla y Familiares

Anuncios