Anuncios
Ticker de novas

Nigrán Decide denuncia “pagos sobrevalorados” polo servizo de mantemento informático

O goberno de Nigrán está pagando á empresa encargada do mantemento do sistema informático do Concello servizos de mantemento incrementándolle ao prezo por hora un 189 por cento do contratado, o que supón que estas horas se están pagando case ao triplo do valor da hora coa que se adxudicou o contrato.

Como consecuencia destes pagos sobrevalorados, o goberno presenta para este pleno unha modificación orzamentaria para a súa aprobación, na que incrementaría a partida dedicada a Gastos diversos de funcionamento da Administración Xeral, partida que o goberno xa empregou para pagar este ano a cantidade de 10.224,05 euros á empresa adxudicataria do contrato de mantemento do sistema informático do Concello por “traballos prioritarios e incidencias”.

“Como é habitual neste goberno nas cuestións financeiras, mestura gastos necesarios como pode ser o aumento de partidas orzamentarias para educación, parques infantís ou alumeado público, con outros que son consecuencia das actividades que, como mínimo, poden ser cualificadas de irregularidades”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que esixirá ao goberno, no pleno deste xoves, a retirada desta partida da modificación orzamentaria proposta para dar o seu apoio. “Non imos ser cómplices da dilapidación do diñeiro da veciñanza, pois se estes servizos se pagasen ao prezo contratado non sería necesaria esta modificación orzamentaria”, finaliza Cuevas.

O grupo municipal de Nigrán Decide solicitou o día 8 de xullo deste ano ao goberno copia de facturas presentadas pola empresa adxudicataria, estado detallado de gastos da partida de gastos de mantemento do sistema informático do Concello e os informes de reparos ás relacións contables onde figuraban gastos desta empresa, pois, ademais destes 10.224,05 euros abonados á marxe do contrato, abonou outros 5.193,38 euros por outros conceptos, o que fan un total de 15.417,43 euros pagados á empresa en menos dun ano, ademais dos 16.675,92 euros dos servizos que figuran no contrato.

“O goberno negou esta información ao noso grupo municipal, como é demasiado frecuente neste goberno, polo que nos preguntamos que trata de ocultar o goberno”, sinala Cuevas.

Anuncios