Anuncios
Ticker de novas

Unha escultura lembrará a loita contra o lume dos veciños de Chandebrito

O Concello de Nigrán, a Comunidade de Montes de Chandebrito e a Asociación de Veciños “O Castro” celebraron este domingo na contorna do “Bosque da Memoria”, unha reforestación feita hai meses detrás do Castro de Chandebrito, un acto de homenaxe no primeiro aniversario dos incendios que arrasaron a parroquia e causaron dúas vítimas, Angelina e Maximina.

A celebración arrancou cun recoñecemento público aos veciños e veciñas e a entidades e persoas que colaboraron durante e despois da catástrofe, pola súa solidariedade ou colaboración na recuperación ambiental de Chandebrito. Ademais, descubriuse unha escultura conmemorativa realizada por Rafael Alonso, do colectivo artístico “Arte no Queimado” nado por mor dos lumes, e na que o autor quixo mostrar a loita do ser humano poñendo en risco a súa vida, xunto cun ourizo e unha culebra fuxindo do lume mentres o home enfróntase a el. “O que máis desexo é que o pobo de Chandebrito senta esta escultura como súa, algo que lembre, que axude a unir e a respectar a natureza”, sinalou o artista.

A continuación, houbo un magosto popular e música a cargo do recoñecido gaiteiro e compositor Xulio Lorenzo e o guitarrista Diego Bea xunto ao grupo de gaitas “O Castro” de Chandebrito. A xornada finalizou coa proxección en directo ás 21:30 horas do programa “Volando Voy” de Jesús Calleja que foi gravado no Val Miñor a teor dos incendios e que prestou especial atención á parroquia.

“O que buscamos é dicir que hai un ano unímonos todos, miles de persoas, simplemente para tentar defender por unha banda as propiedades, doutra banda as vivendas e tamén as vidas humanas, que desgraciadamente non se conseguiu ao 100%. Houbo unha marea de solidariedade incrible e o que se quere aquí hoxe é dicir que seguimos traballando xuntos para cambiar o noso mundo. Onte tivemos unha arrincada de eucaliptos na parroquia de Camos e reunímonos cen persoas, e segundo os organizadores, debemos arrincar sobre 15.000 eucaliptos, iso non se podía imaxinar antes dos incendios”, sinalou o alcalde, Juan González.

“Nunca hai nada positivo cando pasamos por unha vaga de incendios como a que houbo o ano pasado en Nigrán, no sur de Pontevedra e en toda Galicia, unha malísima experiencia na que houbo moitísimas perdas, sobre todo ambientais, pero as máis importantes e que son imposibles de recuperar son as vidas humanas. Pero hoxe dicía o presidente da Comunidade de Montes de Chandebrito, Víctor Vidal, que xa non se chora máis, e creo que iso foi algo que conseguiron sobre todo os veciños e as veciñas a través das súas entidades sociais, deixar de chorar e empezar a facer cousas en positivo”, concluíu o alcalde.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios