
Este martes en dependencias do Concello de Gondomar, o Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e o Alcalde de Nigrán, Juan González, reuníronse de urxencia cos representantes do Comité de Empresa (sindicatos CIG, UNENF, CXT-SGPS, USO E CC.OO) de Povisa, para tratar a problemática do preconcurso de acredores no que se atopa o Policlínico. Ao mesmo tempo, os representantes sindicais reivindicaron e trasladaron aos rexedores a preocupación pola situación de inestabilidade laboral e perda de poder adquisitivo nos últimos anos e piden que interfiran e medien no conflito entre o SERGAS e a dirección do centro sanitario (Povisa), e que poidan alcanzar o máis axiña posible, un acordo satisfactorio para as partes e en aras dun mellor servizo sanitario e dos propios usuarios.
Cabe lembrar, que o Comité de Empresa de Povisa, vén de reunirse cos responsables da Consellería de Sanidade, para coñecer o estado en que se atopan as negociacións entre a administración e a dirección do hospital vigués, así como para transmitir e revindicar as demandas do colectivo de traballadores ante a situación de preconcurso e restrición de postos de traballo e a mala atención que iso supoñerá para os usuarios do complexo sanitario, indicando que o principal punto de discordia continúa sendo a adquisición de fármacos para pacientes ambulatorios.
Os representantes do Comité, trasladaron aos rexedores de Gondomar e Nigrán, a situación de inquietude pola que está a pasar o persoal laboral, rexeitando calquera instrumentalización do colectivo de traballadores, e trasladándolles a necesidade de recuperar o Pacto asinado no concerto de 2006.
Tamén esixiron aos rexedores a remisión dun escrito de apoio e posicionamento ante a Dirección do Centro Hospitalario da administración autonómica de Feijóo, e que calquera Pacto que se subscriba deberá levar aparellado a mellora do convenio colectivo e avances nas condicións de traballo, entre elas, medidas para superar a situación de precariedade que padece o cadro de persoal.