Anuncios
Ticker de novas

Inscricións abertas para participar no XI BTT Concello de Gondomar

O Club Ciclista Bici Verde organiza o vindeiro domingo 28 de outubro o XI BTT Concello de Gondomar coa colaboración da Concellería de Deportes e as Comunidades de Montes de San Bieito, Mañufe, Couso e Santa Baia de Donas, e coa debida autorización da Federación Galega de Ciclismo. Trátase dunha marcha cicloturista enfocada a todas aquelas persoas ás que lles encanta gozar da bicicleta de montaña, partindo ás 9:30 da Praza do Concello de Gondomar e chegada ao Pavillón Municipal de Deportes percorrendo as inmediacións das Comunidades de Montes de San Bieito, Mañufe, Couso e Santa Baia de Donas.

Terá unha distancia total de 30 kms, un desnivel acumulado de 1.200 metros e unha dificultade media/alta. Esta marcha está aberta a todo tipo de ciclistas que estean en posesión da Licenza Federativa do ano en curso, maiores de 15 anos. Os que non posúan dita licenza, poderán tramitar a mesma, por un día, cun custo adicional de 10 Euros. Esta marcha está clasificada como marcha neutralizada, non podendo exceder á organización que abre percorrido. Así mesmo establecerase un horario de fóra de control podendo redirixir aos participantes que queden especialmente atrasados para un punto de control máis avanzado.

A organización pon a disposición dos participantes, a colaboración da Policía Local, Protección Civil, dúas ambulancias, médico, avituallamentos sólidos e líquidos, duchas, lavado de bicicletas, obsequio para os participantes e cátering ao finalizar a proba. Será obrigatorio o uso do casco protector regulamentario. A inscrición realizarase a través da páxina www.magmasports.es realizando o pago por TPV ata o día 25 de outubro ás 24:00 horas cun límite de participación de 300 participantes. En caso de non cubrir a cota máxima de participación, permitirase a inscrición o mesmo día do evento ata as 9:00 horas, soamente para os participantes federados anualmente e cunha recarga económica.

A cota de inscrición será de 8 euros para os participantes federados coa súa licenza anual en curso, para os non federados permitirase realizar a licenza dun día cunha recarga de 10 euros a maiores pasando a cobrarse 18 euros. A inscrición o mesmo día do evento será de 12 euros soamente para os corredores federados coa licenza anual que debe ser entregada xunto ao DNI no momento de realizar a inscrición.

Ao finalizar a proba, realizarase unha entrega de premios ao participante máis novo masculino e feminino, ao participante máis maior masculino e feminino, ao club máis numeroso, ao participante máis afastado e aos participantes empadroados no Concello de Gondomar.

Anuncios