Sin categoría

Cidadáns critica o atraso no inicio das obras para converter o Mercado de Sabarís en multiusos

Desde Cidadáns Val Miñor denuncian o incumprimento do Concello de Baiona cos veciños tras non cumprir coa súa palabra de comezo das obras na Praza de Abastos. Desde a formación laranxa, a súa portavoz local, Fabiola Cavalier, así o denuncia. “Sabarís segue sendo a única parroquia a pesar do seu gran volume poboacional que aínda non ten un centro social pese ao compromiso do alcalde de comezar as obras da Praza de Abastos tras o verán e crear nese espazo un multiusos cultural”.

Desde Cs Val Miñor advírtese ao equipo de goberno dos graves problemas que a demora de proxectos básicos, como a paralización das obras de humanización, están a causar aos veciños de Sabarís. “As canalizacións, que deberían ser substituídas, están a rebentar diante dos domicilios dos veciños sen que o Concello tome ningún tipo de medida”.

Non é a primeira vez que Cidadáns solicita ao concello que priorice actuacións nesta parroquia antes de que sexa demasiado tarde. Como exemplo, a reclamación que desde Cs tamén se fai sobre o “mal estado” doutros elementos urbanísticos da zona como son “o paseo marítimo, que continúa derrubándose sobre a marisma, a falta de iluminación nas inmediacións da Praza de Abastos ou a falta de control sobre o tráfico durante todo o verán, con coches aparcados en vaos e sobre as beirarrúas”.

“En Cidadáns Val Miñor cremos que é hora de mencionar as promesas e proxectos que pasarán outra vez ao debe do equipo de goberno ou que quedarán a medias. E de lembrarlle que, de todas esas promesas, Sabarís sempre sae damnificada”, lembrou ao goberno municipal Fabiola Cavalier.