Disputada a segunda xornada da Liga Galega masculina de fútbol gaélico, Imandinhos A estrada, o actual campión, colócase á cabeza da competición tras superar claramente na casa a Dorna. Empatados a puntos e sumando os seus partidos por vitorias, seguen na táboa Estrela, que venceu ao filial estradense, Fillos de Breogán, que se impuxo a Cambado e Auriense, que lle gañou a Mecos. Ártabros derrotou a Herdeiros e suma os seus primeiros puntos, mentres que o duelo entre Turonia e Estrela Gaels, dous equipos debutantes este ano, se saldou cunha axustada vitoria a domicilio para os composteláns no campo da Gándara de Chaín, en Gondomar.
Comezou levando a iniciativa o equipo local, con maior número de cambios que o equipo compostelán. Con todo, foi un partido moi igualado, chegando ao descanso cun marcador de 10-10. Na segunda parte, o desgaste físico do Estrela Gaels permitiulle ao Turonia distanciarse até en 7 puntos. Mantívose por diante o Turonia até os últimos minutos do encontro, mais a ansia do equipo local e a veteranía dalgúns dos xogadores estreleiros fixo que se encadeasen unha serie de erros defensivos por parte do Turonia que o Estrela Gaels soubo aproveitar para levarse a vitoria. Turonia 4-12 (24) Estrela G 5-12 (27).













