Anuncios
Ticker de novas

O nigranés Iván Roade imponse na 15K do Atlántico

Iván Roade foi este domingo o máis rápido na sexta edición da 15K do Atlántico – Banco Mediolanum, organizada por Qualité Sport Events en colaboración con AD Top Ten Sport, e amadriñada nesta ocasión por Alesia Kurchankova, xogadora do Mecalia Atlético.

O atleta nigranés do Bikila completou o percorrido con saída no campo de fútbol de Oia e a chegada no paseo marítimo da Guarda, pasando polo Rosal, en 47:52, a case dous minutos do segundo clasificado, o seu compañeiro de equipo Daniel Bargiela (49:17). Pechando o podio en terceira posición, Rubén Pérez, do Athlectics Fisioterapia San Lázaro Team, cun tempo de 51:02.

En categoría feminina, a vitoria foi para Alice Finot, do Club Atletismo Feminino Celta, tras cruzar a meta en 56:32. Sandra Mosquera, do Adas-Proionor, foi segunda, e a independente Águela Ofelia, terceira, cun tempo de 57:33 e 01:05:37 respectivamente.

A 15K do Atlántico – Banco Mediolanum é unha proba deportiva referente do running galego que congregou este ano a preto de 600 corredores na categoría 15K e 200 na categoría de andaina, superando nesta sexta edición as expectativas de participación, o que reflicte a boa organización e a consolidación dunha proba que xa forma parte do calendario anual deste tipo de probas deportivas en Galicia para moitos atletas, e que utiliza parte do trazado do Camiño Portugués da Costa.

Anuncios