Sin categoría

Aprehendo gaña o segundo concurso de embelecemento de fachadas de Gondomar

O Concello de Gondomar deu a coñecer este venres aos gañadores do II Concurso de Embelecemento de Balcóns ou Ventás e Fachadas, que se celebrou desde o 16 ata o 31 de agosto, co obxectivo de poñer en valor os beneficios estético-ambientais da recuperación dos balcóns e ventás como elementos vivos da Vila.

O gañador na categoría de fachadas foi o Centro Aprehendo, que recibirá como premio unha faixa de publicidade gratuíta durante 15 días nun xornal dixital nas datas que elixa. O premio ao mellor balcón ou ventá, unha cea para dúas persoas, foi para Berta Vidal Rubio, mentres que Raúl Soto Fernández resultou o agraciado do sorteo realizado entre as persoas participantes na votación electrónica. Levou unha cesta de produtos ecolóxicos.

O xurado cualificador e o xurado popular basearon o criterio da súa puntuación na orixinalidade e creatividade da composición, a calidade ornamental, a harmonía do conxunto e deseño, a laboriosidade, a perdurabilidade e o uso de materiais reutilizados en accesorios e ornamenta non floral.