O portavoz da formación Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia a demora do goberno local para a posta en funcionamento da brigada contra incendios forestais composta por un xefe de brigada e catro peóns condutores, financiada pola Xunta de Galicia ao amparo do convenio de colaboración asinado coa Consellería do Medio Rural, por importe de 27.194,62 € e un período de tres meses, que a día de hoxe aínda non está en funcionamento.
UCN lembra que o alcalde Juan González asinou o citado convenio para a posta en funcionamento da devandita brigada o día 6 de xuño, e no pleno de xullo aprobouse unha modificación de crédito por importe de 25.000 € para gastos de funcionamento da mesma, pero con todo, unha vez superada a tempada estival, lamentablemente aínda segue sen estar operativa, xa que nin tan sequera concluíuse o proceso de selección de persoal, posto que está fixado para os días 11 e 16 de outubro o primeiro exercicio (coñecementos), así como o 15 e 18 o segundo e terceiro (proba práctica e de aptitude física), polo que previsiblemente non estará en funcionamento ata o mes de novembro, “cando posiblemente resulte innecesaria”.
UCN advirte do risco de perda da subvención outorgada por Medio Rural, non só polo incumprimento nos prazos de posta en funcionamento –que debería estar operativa no mes de xullo (cláusula décima do convenio)-, senón tamén, polo incumprimento no prazo de xustificación que termina o día 15 de outubro (cláusula décimo quinta), “polo que será imposible a súa xustificación, correndo o risco máis que evidente de que teña que asumir o Concello a totalidade dos gastos de persoal, por culpa novamente dunha neglixente xestión do goberno local, tal como sucedeu tamén coa perda doutra subvención de 18.000 € para a compra de mobiliario do Salón de Plenos”.
UCN lamenta non só a falta de xestión que está a demostrar o goberno local, senón tamén “a preocupante irresponsabilidade ante unha situación que por desgraza viviuse moi de preto o ano pasado cuns incendios que arrasaron boa parte do municipio –e non estamos libres de que poida repetirse-, pero dá a impresión que ao alcalde Juan González parece non preocuparlle, pois quizá estea a pensar que cando xurdan os problemas recorrer á coartada fácil e descargar toda responsabilidade na Xunta –como fixo no pasado-, pero sen asumir a propia”, conclúe o portavoz independente.

