Sin categoría

Curso de soldadura semiautomática para desempregados de Gondomar

A Concellería de Emprego de Gondomar, consciente de que a capacitación laboral da mocidade é un elemento fundamental para lograr a súa inserción laboral, sabendo que, segundo a patronal da metalurxia, ASIME (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia), o metal galego só cubre un terzo das súas vacantes en emprego, e coñecedora dos cálculos da confederación na que precisa cubrir antes de final de ano 1400 postos de traballo no sector, vén de convocar un curso de 110 horas lectivas, en modalidade presencial, para capacitación en soldadura semiautomática “Mig-Mag (Metal Inert Gas ou Metal Active Gas)”, a máis produtiva, para 15 persoas. No caso de que a demanda supere esta cifra convocarase de inmediato un novo curso. Queda reservada unha praza para persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% compatible coa profesión. Para elo os candidatos deberán presentar, ademais da documentación xeral da inscrición, o recoñecemento oficial da discapacidade e informe médico da compatibilidade da mesma coa profesión de soldador.

Os requisitos imprescindibles para participar no proceso de selección do alumnado serán moi básicos: atoparse empadroado/a en Gondomar, atoparse inscrito/a na Oficina de Emprego do Servizo Público de Emprego, posuír como titulación mínima o graduado escolar ou equivalente, e presentar en tempo e forma a solicitude de participación e a totalidade da documentación requirida. A comisión de valoración terá en conta o tempo en desemprego: beneficiaranse ás persoas que leven máis de 6 meses desempregadas, para elo terase en conta a data que figure na súa tarxeta de demanda de emprego do SEPE; a experiencia laboral: se trata de facilitar a entrada no mercado laboral dos veciños/as con menos experiencia laboral de xeito que o curso poida ser unha vía de acceso a esas persoas con escasa ou nula experiencia, para isto terase en conta a vida laboral actualizada que se aporte; e o xénero: para facilitar a incorporación das mulleres a este sector.

No calendario previsto contémplanse as datas de inscrición do 8 ao 15 de outubro (ambos os dous días inclusive). A publicación da listase de puntuación de admitidos e excluídos será o 17 de outubro. Transcorrido un día para as alegacións, publicarase a listaxe definitiva o día 19, para poder comezar o curso, de inmediato, no día 23 do mesmo mes.

“O custe do curso aproxímase aos 900 euros por persoa. Desenvolverase nas instalacións da empresa Formasolga, Avda. de Castrelos, 482-Valadares (Vigo). Está todo preparado para comezar o curso, en canto o Sr. Alcalde asine as bases dará comezo o mesmo”, sinala o concelleiro de Emprego e Dinamización Económica, Xosé Antón Araúxo.