Anuncios
Ticker de novas

Cidadáns considera “electoralista” o asfaltado de viarios nas parroquias de Baiona

Cidadáns Val Miñor critica o “electoralismo” do equipo de goberno de Baiona nas parroquias de Belesar, Baíña e Baredo e insta ao Concello a buscar solucións globais aos seus problemas. Nesta liña, a coordinadora da agrupación de Cs Val Miñor, Fabiola Cavalier, lembrou que, como xa ocorreu fai catro anos, “é vergoñoso ver como poucos meses antes das eleccións municipais o equipo de goberno esperta do seu letargo tras 3 anos deixando no esquecemento ás parroquias e leva a cabo execucións que anuncian aos catro ventos”.

Por iso, desde Cs Val Miñor pedíuselle “responsabilidade” ao alcalde de Baiona, porque, tal e como explicou Cavalier, “non todo vale para gañar votos, ou para perdelos”. A coordinadora local de Cs advertiu ao rexedor de que “cando terminemos as eleccións lavouse a cara a unhas parroquias que seguirán igual ou peor pola carencia de solucións serias, globais e duradeiras”.

Por todo iso e ante este panorama “electoralista”, desde Cs Val Miñor solicitarase ao goberno que remate o asfaltado do Camiño das Covas en Belesar e que comece un estudo serio e rigoroso dos puntos máis perigosos de todas as estradas da parroquia, para poñer aos poucos beirarrúas nesas zonas. “Non é de recibo que se anuncie o asfaltado do Camiño das Covas en Belesar cando realmente só se asfaltou un 15% do mesmo, deixando ao resto de veciños como estaban”.

“Cremos sinceramente que non se pode sacar adiante un mandato a última hora asfaltando, axardinando, podando, reparando cubertas ou arranxando farois, porque iso significa subestimar aos veciños”, explicou Fabiola Cavalier.

Anuncios