Baiona mellora a iluminación na zona da urbanización “O Bosque”

A Concellería de Electricidade do Concello de Baiona levou a cabo traballos para mellorar a iluminación na zona da urbanización “O Bosque”. Para iso realizáronse traballos de modificación dos báculos existentes en canto á súa altura e inclinación con respecto á vía pública. Tamén levouse a cabo o cambio das luminarias coa substitución de 20 lámpadas de 125w de luz mestura máis reactancia de 25w por outras de 30w de tecnoloxía LED.

O concelleiro de Electricidade, José Ángel Bahamonde, sinala que as novas lámpadas LED mellorarán a iluminación, como xa se comprobou noutras zonas onde xa está instalada. “A iluminación LED destaca polo seu menor consumo e baixo mantemento, o que supón un aforro para as arcas municipais. Pásase dun consumo real de 150w a 30w, o que equivale a un aforro do 80% para as arcas municipais”.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, explica que “con esta renovación contribúese, ademais, ao respecto ao medio ambiente posto que as novas luminarias consomen menos que unha lámpada tradicional, reducindo a emisión de gases de efecto invernadoiro”. Rodal matizou que o paso a LED supón “unha mellora e un aforro moi importante, conseguindo un maior aforro enerxético, un 80% menos, e a consecuencia económico, ao mesmo tempo que reforzamos a cantidade de intensidade lumínica. Os veciños da zona viron mellorada a iluminación nas súas rúas”, o que xa comprobou o Alcalde coa súa visita e segundo os comentarios que lle fixeron os veciños no lugar.

A esta nova mellora súmanse as intervencións levadas a cabo en todos os pasos de peóns ou as melloras efectuadas na Avenida Foz do Miñor, en Sabarís, e a Avenida Monte Real, arterias principais de acceso norte á vila, a Avenida Joselín, entrada sur á localidade, moi utilizada tamén polos que utilizan a circunvalación.

BAIONA MELLORA A ILUMINACIÓN NA ZONA DA URBANIZACIÓN “O BOSQUE”