Anuncios
Ticker de novas

Gonzalo Caballero: “O PSdeG-PSOE en Gondomar está en condicións de gañar as próximas municipais”

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, recibiu hoxe a visita do Secretario Xeral dos Socialistas Galegos, Gonzalo Caballero, para tratar cuestións de interese para o municipio.

O Secretario Xeral valorou moi positivamente a xestión do goberno municipal encabezado por Paco Ferreira. Sinalou que “é un goberno que traballa para a cidadanía e desenvolve un proxecto de avance para Gondomar en materia de desenvolvemento industrial, de humanizacións e parques infantís, de atención á rede de estradas coas parroquias”. Caballero sinalou o cambio que está a experimentar Gondomar, coa humanización do seu centro urbano en máis de 5.000 m2, a remodelación dos parques públicos e infantís, as instalacións deportivas, o acondicionamento de viarios en todas as parroquias, a dotación de servizos como a recollida de RSU, etc…, Caballero concluíu que o PSdeG-PSOE en Gondomar está en condicións de gañar as próximas municipais cunha maioría suficiente para desenvolver o programa posto en marcha neste mandato. “Os gondomareños confiarán no proxecto socialista para Gondomar para así poder seguir avanzando e transformando Gondomar dunha maneira máis cómoda e cunha maioría suficiente”.

O alcalde trasladou ao dirixente socialista cuestións de relevancia para Gondomar que non son atendidas pola Xunta tales como o transporte público de viaxeiros á universidade e ao hospital Álvaro Cunqueiro, ou a negativa reiterada do goberno galego de Feijóo de non estar disposto a asinar o convenio do transporte metropolitano e outorgar o beneficio da “tarxeta xente nova” aos gondomareños, o que para o rexedor municipal, é un trato flagrantemente discriminatorio e inxusto.

Os socialistas tamén preguntarán ao executivo de Feijóo no Parlamento polo proxecto de seguridade viaria da estrada PO-331, e polas obras da senda peonil de Gondomar a Ramallosa. A protección da Serra do Galiñeiro como Parque Natural, a inclusión na Rede Natura 2000 e o recoñecemento dun ENIL, para salvagardalo do posible parque eólico que os populares pretender autorizar en dita Serra de valor material e inmaterial incalculable para este país. Tamén se interesarán polos investimentos na rede de viarios de titularidade autonómica e a necesidade dun paseo fluvial polo río Miñor de Gondomar a Ramallosa, do cal o goberno municipal xa traballa no estudo de campo e na redacción dun anteproxecto para a súa construción.

Anuncios