Nigrán súmase á celebración do “Mes da Artrite” iluminando de verde o Concello

O Concello de Nigrán súmase á celebración do “Mes da artrite e da espondiloartrite” coa iluminación de cor verde da Casa Consistorial este luns día 1 de outubro, tal e como solicitan dende a Asociación Enfermos Artrite Pontevedra (Asearpo) a través da Coordinadora Nacional de Artritis. No acendido das luces ás 21:00 horas estará presente o alcalde de Nigrán e membros da asociación, que buscan deste xeito homenaxear ás persoas que sofren estas doenzas e visibilizar estas patoloxías descoñecidas para a maior parte da poboación. A iniciativa naceu no ano 2015 en cidades como Madrid, Vigo, Santiago, Huesca ou Valencia e agora súmase o Concello de Nigrán. A artrite é a inflamación dunha articulación ou máis. Os principais síntomas da artrite son dor e rixidez das articulacións, que adoitan empeorar coa idade. Os tipos máis frecuentes de artrites son a artrose e a artrite reumatoide.

Anuncios