Castro e Ladeira pide ao goberno de Baiona que inclúa as demandas de Sabarís nos orzamentos

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira asegura nun comunicado que “sobran os motivos para darse conta do abandonado que esta Sabarís, cando a Casa rosa segue pechada, non temos información sobre o futuro Centro Cultural destinado ás asociacións da parroquia, non se arranxan os camiños solicitados -que actualmente son os que están peor da parroquia-, os saneamentos solicitados fai catro anos, obras menores sen executar, humanización pendente, etc… en resume, acumúlanse as peticións dos veciños no Concello sen solucionar”, afirma Martín Otero.

Castro e Ladeira sinala que espera que o grupo de goberno non se esqueza dos veciños de Sabarís, “de meter nos orzamentos para o vindeiro ano as demandas anteriormente mencionadas, máis os proxectos que presentamos fai meses e que son necesarios. Estamos falando do parque biosaludable adaptado, como lle presentamos no despacho do alcalde o 2 de febreiro, aínda sen darnos resposta dende entón, un proxecto o cal non son cartos o que vale facelo, senón vontade. Estamos falando dun parque único en Baiona, xa que todas as parroquias teñen un ou varios parques biosaludables, tendo Baiona dous, Sabarís a parroquia con máis poboación despois de Baiona con máis turismo… porqué non? Sobre todo porque vai destinado para persoas con mobilidade reducida e tamén calquera persoa pode desfrutar facendo exercicio”.

Desde a Asociación recordan tamén outro proxecto presentado en maio e sen resposta: a alameda e parque infantil de educación viaria, “un proxecto destinado para todos os veciños, dende os nenos ata os máis maiores, que veñen solicitando dende fai tempo, no que sería un lugar de encontro e de desconexión para o desfrute de todos os veciños que se acheguen á nosa marabillosa parroquia”, remata o presidente do colectivo.