Dende primeiros de setembro máis de 80 voluntarios, en grupos ou individualmente (na nosa comarca é o mes crítico para os lumes no monte), os voluntarios medio ambientais están patrullando os montes de Gondomar. Trátase dunha vixilancia activa do monte en xeral, sen distinguir na súa propiedade, na procura da súa protección pero, sobre todo, na creación de consciencia sobre a importancia dun patrimonio medioambiental de tanto valor que no caso do Concello de Gondomar ocupa máis do 70% da superficie.
O labor e a función deste voluntariado, como xa se ten dito e como así é preceptivo, será só de vixilancia; advertindo de todo aquilo que poida resultar sospeitoso á Policía Local (que está ao tanto), ou ao propio concelleiro de Medio Ambiente, que é o coordinador do voluntariado. “Con esta vixilancia complementamos con máis de 100 persoas (126) as outras vixilancias que xa existen tanto por parte das CCMM Veciñais, como dos servizos da Xunta ou as Forzas de Seguridade. Pero sobre todo, e isto querémolo enfatizar, con esta actividade estase establecendo un compromiso real entre a cidadanía e a defensa do Medio Ambiente, achegándolle a moitas persoas, sobre todo mozos e nenos, unha visión do monte ampla e diversa, imprescindible para a vida: osíxeno para respirar, auga para beber, lecer, patrimonio material e inmaterial, biodiversidade, riqueza forestal, etc, etc…”, sinala Antonio Araúxo.
Entre as actividades a realizar neste curso que comeza, acordadas na asemblea do 31 de agosto, a primeira sería colaborar na limpeza de ríos a finais de setembro dentro do “Proxecto Ríos” simultaneamente co resto de Galicia; organizar andainas, charlas e actividades formativas ao redor do Medio Ambiente, unha segunda “arrincada de eucaliptos” para o mes de outubro; así como colaborar coa Plataforma de Defensa da Serra do Galiñeiro, entre outras.
“Dende a Concellería de Medio Ambiente valoramos moi positivamente este compromiso cidadán, polo que estamos agradecidos a todas as persoas que participan deste voluntariado”, conclúe Araúxo.

