Sin categoría

Nigrán Decide acusa ao goberno local de “enredar” á veciñanza nas reunións sobre o PXOM

Nigrán Decide, que está asistindo a todas as presentacións do PXOM que o goberno municipal está realizando polas parroquias, sinala que se está enredando á veciñanza ao dar a entender que se poden presentar alegacións durante o período de tres meses que a Dirección Xeral de Patrimonio ten para informar a documentación do PXOM.

“Dunha forma moi ambigua, nas presentacións que realiza o goberno municipal, sinalan que se pode comunicar ao goberno calquera erro que observe a veciñanza, entre os que inclúe tamén o cambio de tipo de solo, o cal sería a presentación dunha alegación en toda regra”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que “non se lle pode dicir á veciñanza que se poden introducir cambios no PXOM, máis alá da corrección de erros, sen abrir un período de exposición pública. Desde Nigrán Decide esiximos ao goberno municipal que se tome o PXOM en serio e informe con claridade e transparencia á veciñanza”, finaliza Cuevas.

Nigrán Decide afirma ademais que puido constatar nos planos da documentación do PXOM que se envía a Patrimonio, que o goberno recualifica 228.598,63 metros cadrados para uso terciario, que principalmente serán de uso comercial. “Mentres se desestiman centos de alegacións, prodúcese a dita recualificación sen que ninguén a solicitase en ningunha alegación nin a aconsellase ningún informe, polo que no próximo pleno o grupo municipal de Nigrán Decide preguntará en que despacho e quen estaban presentes cando se decidiu esa modificación no PXOM”.

Nigrán Decide cre que unha modificación deste calado, principalmente pensada para o desenvolvemento de grandes áreas comerciais, ademais de que pode supoñer a morte do pequeno comercio en Nigrán, pon en risco a tramitación do PXOM, pois segundo a Lei do Solo as modificacións que se introduzan no PXOM inicialmente, deben ser consecuencia das alegacións presentadas ou dos informes sectoriais.

Pola súa banda, o alcalde, Juan González, asegura que non é certo e engadiu que «Nigrán Decide o único que quere é torpedear o Plan». Así mesmo reiterou que «o que lle molesta ao señor Cuevas é que por primeira vez fálese dun urbanismo de futuro para Nigrán co que de aquí en diante non poderemos contar con el e é unha pena».