San Cosme e San Damián congregan a centos de romeiros en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Procesión de San Cosme e San Damián.

Centos de persoas chegadas desde todos os puntos da nosa xeografía acoden este mércores a Baiona para mostrar a súa devoción aos Santos Cosme e Damián, irmáns e médicos, aos que ofrecen reproducións de cera das partes do corpo humano que desexan sanar, cumprindo así una das tradicións máis ancestrais da vila, ademais de asistir ás misas que celebran ao longo do día e abastecerse de mel e noces para todo o ano.

Pasadas as 11:00 da mañá, as tallas policromadas dos Santos Médicos foron portadas un ano máis en procesión acompañados polo grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona, percorrendo o casco antigo ata a Igrexa de Santa María, onde ás 12:00 comezou a Misa Solemne. Unha vez finalizada, os santos volveron en procesión ata Santa Liberata, onde se recolleron. Tampouco falta o baile tradicional da man da Escola de Danza “Vila de Baiona”.

Paralelamente, como todos os anos por estas datas, a chaira de Santa Liberata transfórmase e acolle a coñecida como a festa do mel e as noces, con postos de venda de mel, noces, velas, plantas ornamentais, cosméticos e produtos naturais procedentes do campo, artesanía diversa, pan, embutidos e queixos variados. Hoxe en día tamén nos podemos atopar con gran cantidade de postos de toda índole que se estenden polo recinto de Santa Liberata e ao longo da rúa Marqués de Quintanar.

A devoción a San Cosme e San Damián remóntase en Baiona ao ano 1137. Existía en Baíña unha ermida dedicada a San Cosme que fora doada aquel ano polo rei Alfonso VII a uns frades. Nela celebrábase o día 27 de setembro unha gran romaría ata que, en 1785, dita ermida foi demolida e abandonada polos monxes, que se integraron no Mosteiro de Santa María de Oia. As figuras dos santos foron trasladadas á capela de Santa Liberata.

No ano 1847, os baioneses solicitaron ao Cabido de Tui unha reliquia de San Cosme e esta lle foi concedida. A noticia foi recibida con satisfacción e foi entón cando a Igrexa e o Concello se puxeron de acordo para traela ata Baiona coas maiores honras.

Segundo conta a historia, o 19 de setembro de 1847 trasládase a Tui o alcalde José Manuel Cadaval e o Abade da Colexiata D. Luis García Casarrubios para facerse cargo da reliquia, que lle sería entregada polos cóengos D. José García e D. Telmo Maceira. Esa mesma tarde na Ponte de Sabarís, os portadores da reliquia eran esperados polos Rexedores, Manuel Tomás, Fernando Prieto, Juan Besada, Francisco Jorge, Santiago Fernández e Francisco Besada, así como por numerosos veciños que os recibiron con gran xúbilo. Unha gran tirada de lumes anunciaba a súa chegada aos que agardaban no barrio do Burgo para acompañar a reliquia ata a Capela de Santa Liberata, onde permanece na actualidade.

Pasaron moitos anos dende entón e a romaría de San Cosme e San Damián segue en vigor. A súa festa litúrxica ata hai uns anos celebrábase o 27 de setembro, pero a Santa Sé, tras o Concilio Vaticano II, adiantouna un día, é dicir ao 26. Aínda son moitos os romeiros que seguen acudindo o día 27 para facer efectivas as súas ofrendas e rezar ante os santos.

Aínda hai moitos baioneses que recordan como a primeiras horas da mañá chegaban xentes de todas as partes, incluído o norte de Portugal, enchendo as rúas, bares e tabernas. A Capela de Santa Liberata non pechaba de noite e eran moitas as persoas, sobre todo maiores, que se acomodaban no seu interior para pasar a noite ata que soaban as campás e anunciaban a primeira misa.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.