A Plataforma de Usuarios da Piscina Mancomunada do Val Miñor remitiu hoxe unha carta aberta dirixida ao presidente do ente supramunicipal e alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, en relación ás súas declaracións relativas á piscina no pleno municipal de setembro (https://bit.ly/2OfBDzx).
Con relación ás súas manifestacións sobre a piscina Mancomunada arriba indicadas quixésemos preguntarlle/exporlle o seguinte:
– Convocatoria de pleno da Mancomunidade: non debe convocarse con carácter ordinario o primeiro mércores de marzo, xuño, setembro e decembro? Que saibamos o de setembro saltoullo. Agradeceriámoslle que nolo aclare. En todo caso, consideramos que a situación é o suficientemente grave como para convocar un Pleno Extraordinario para tratar o tema.
– Afirma que cando asumiu a presidencia en 2015, a piscina estaba desmantelada e opúxose a que seguisen renovando a adxudicación. En realidade no ano 2015 o servizo que percibiamos os usuarios era correcto. Íase actualizando a oferta de actividades e dábase mantemento ás instalacións. Xa se ve o preocupadísimo que estaba polo tema que nin vostede nin ningún representante de Gondomar estivo presente cando a Mancomunidade reuniuse para debater as cláusulas que rexerían o novo prego.
– Gustaríanos que aclarase que sucedeu cos sobres B que menciona. Coñecendo a súa gran preocupación por este tema, seguro que tiña algunha razón de peso para chegar tarde sendo que era o presidente. Para os alí presentes, este episodio foi particularmente lamentable e unha mostra do pouco sentido do ridículo que teñen algúns rexedores públicos. Non soamente chegou tarde, senón que, in situ criticou o sistema de valoración dos méritos do sobre B. Vese que estaba vostede ao día cando se presentou alí sen saber exactamente a que ía.
– Non comenta por que se pechou en falso a comisión de investigación que vostede propuxo se tiña claro que se vulnerou a lei de protección de datos. Ademais, traballadores e usuarios informarámoslle sobre outras irregularidades laborais e de sanidade que quedaron probadas mediante resolucións das autoridades competentes. Onde está o informe desa comisión de investigación que os usuarios reclamamos con máis de 1500 firmas?
– A documentación que Serviocio entregou á Mancomunidade nunca se analizou, xa que o seu estudo limitouse a 2 min. de reloxo nos que o Sr. Rodal (vostede non estaba naquela reunión), nun alarde de facultades sen precedentes (nunca se viu a ninguén capaz de analizar máis de 100 páxinas en tan pouco tempo), concluíu que estaba todo o solicitado. É dicir, a Comisión foi unha auténtica tomadura de pelo por parte da Mancomunidade. A pesar de que nós pedimos acceso á información (á cal por Lei temos dereito) e finalmente obtivémola tras recorrer ao Valedor do Pobo, que tivo que requirirlla ata en 4 ocasións á Mancomunidade.
– Recoñece que asinaron o contrato o 26 de maio e que tiñan 3 meses para poñer en marcha o servizo Parécelle correcto que abran con atraso, cando constitúe unha falta moi grave recollida no prego? Por que fala das máquinas que non chegaron se podían abrir coas que había e dar servizo?
– Recoñece que os tres alcaldes permitiron que a empresa pechase o centro durante agosto porque eles (Serviocio) dicían que era mellor para facer as obras e limpar a piscina. Non se lles ocorreu, despois de todas as reclamacións presentadas por usuarios e traballadores que o que querían en realidade era facer un ERE e deixar sen servizo á xente para levarlla con ofertas a Sabarís? Non lles parece un escándalo que pechasen o mes enteiro coa súa complicidade e non fixesen ningunha obra que requirise o seu peche?
– Admite que nomearon un técnico “porque había que estar encima da xogada” e logo pasan de todo. Onde está o informe do técnico que di que está todo correcto? Pagóuselle por este servizo? Que facía exactamente a empresa ás alancadas para abrir o día 1? Malpintar por zonas, poñer catro azulexos encima dos vellos e pegar un chan de plástico sobre o que había?
– Se hai tres cousas que temos claro a estas alturas é que VOSTEDE hai moitos anos que non pisaba as instalacións e descoñecía o seu estado (non será porque non saísen na prensa), non se leu o prego e non sabe nin sequera a que se subiu para a famosa foto. Seica saber todo isto non era a súa obrigación?
– Afirma que están a facer unha chea de cousas e atribúese o mérito (pintar, arranxar zócalos, portas, rodapés, limpeza, plan de seguridade). Di ademais que no prego non se lles esixe cambiar nin unha porta, pero NON É CERTO. Lembrámoslle que Serviocio xestiona o centro desde que se inaugurou e que o prego de 2000 estipula que “corresponderá por conta exclusiva da empresa adxudicataria todos os gastos relativos á conservación, reparación, mantemento e limpeza”, “o servizo de mantemento integral da totalidade dos equipos e instalacións obxecto deste contrato serán por conta do adxudicatario” o cal “comprende o mantemento predictivo e de conservación, preventivo e de optimización, técnico legal e correctivo”, entre elas “as obras de repaso de pintura”. Tamén o recolle o prego vixente: “Mantemento xeral das instalacións no que se desenvolverán, entre outros, os seguintes traballos referidos á […] Pintura: serán por conta do adxudicatario as obras de repaso de pintura da instalación, sendo acometida coas cores e pinturas de primeira calidade que marque a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor […] Este pintado xeral inclúe os parámetros verticais, columnas, portas, elementos metálicos, bancos, etc.”.
– Esqueceu mencionar as xornadas de portas abertas para todos os veciños que vostede anunciou para os días 15 e 16 de setembro e que non se fixeron. Cando se van a celebrar?
Para concluír, estamos a día 26, moitas máquinas seguen sen chegar e as que chegaron non se axustan á listaxe que recolle o prego, o baño de mulleres segue en reformas e os retoques que fixeron ata a data non son máis que chapuzas mal feitas. As cotas seguen sen devolver e a instalación segue sen estar ao 100%. Esperemos que polo menos sexa capaz de cumprir a súa palabra nunha cousa e non nos cobren ata que estean totalmente operativas.
Por último, gustaríanos ver (reclamarémolo oportunamente), o resultado do Expediente sancionador que vostede dixo ten aberto Serviocio polos notorios incumprimentos do Contrato de concesión, do cal poden desprenderse sancións de ata 60.000€. Gañará moita credibilidade se aplica as sancións como legalmente corresponde.
Plataforma de Usuarios da Piscina Mancomunada do Val Miñor

