Anuncios
Ticker de novas

Zona Franca construirá un Centro de videovixilancia e control en Porto do Molle

A asociación de propietarios do parque empresarial Porto do Molle mantivo esta mañá a súa primeira reunión co delegado de Zona Franca, David Regades, e o alcalde de Nigrán, Juan González, para tratar con ambas as dúas institucións a mellor maneira de seguir mantendo un parque empresarial que se distingue pola súa calidade construtiva e integración paisaxística.

Esta xornada de traballo conxunto entre as empresas e os máximos responsables das administracións promotoras da actuación e propietarias de áreas públicas centrouse en temas como as melloras na rede de videovixilancia específica para o parque para o que se acordou que Zona Franca asumise a construción dun centro de control que integre un módulo de gravación, monitores e un posto de vixilancia. Os técnicos estudarán agora o mellor emprazamento para que este punto sexa accesible tanto para as preto de 1.900 persoas que traballan nas máis de 120 empresas instaladas como para aqueloutras que acoden a pasear polas sendas do río Muiños e ás que se poida atender en calquera eventualidade.

Regades tamén aproveitou a reunión para comentar con Juan González, a quen acompañaba a tenente de alcalde, Raquel Giráldez, a necesidade de conseguir a maior celeridade posible no outorgamento de licenzas xa que “nestes momentos o parque ten o 90 por cento das súas parcelas vendidas ou comprometidas, moitas en fases de proxecto construtivo polo que se necesita que se axilicen as licenzas para que todas as empresas entren en actividade canto antes xa que iso é bo para Nigrán e para todos os que poden atopar aquí un posto de traballo”.

O Alcalde trasladou a súa máxima disposición para resolver directamente cos empresarios calquera problema que se detecte nos viarios e zonas verdes “porque Porto do Molle xa é unha espazo fundamental para o futuro das familias de Nigrán” e, como dixo Regades, “este é un polígono moi integrado na contorna e iso é un plus para reter talento na nosa área xa que as persoas mellor preparadas ademais de salario buscan unha contorna de traballo agradable e horarios que permitan a conciliación familiar”.

Anuncios