O vindeiro martes, 2 de outubro, a Asociación «Villas Marineras», a cal preside actualmente o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, levará a cabo unha mesa de traballo para a creación de experiencias de turismo mariñeiro na Vila.
Desde o Concello, a través da Concellería de Turismo, anímase á colaboración dos profesionais vinculados ao mar, do sector turístico empresarial ou empresas de servizos complementarios xa que son axentes craves para poder levar a cabo con éxito o proxecto.
“Esta mesa colectiva ten como obxectivo fundamental ser o foro no que dar voz a todos estes axentes do destino para poder sumar ao proxecto e garantir o éxito a través das achegas e o consenso”, sinalou Ángel Rodal, Alcalde de Baiona e Presidente da Asociación «Villas Marineras».
A cita terá lugar na Capitanía Marítima (R/ Elduayen, 20) ás 10:00 da mañá. Durante a xornada darase a coñecer o proxecto de creación de experiencias de turismo mariñeiro de «Villas Marineras» e os profesionais poderán facer as súas achegas ao devandito proxecto. A duración da programación é de dúas horas. Os interesados téñense que inscribir no seguinte email: gerencia@villasmarineras.es.

