María Gutiérrez Cedrón gaña o I Concurso de Fotografía Medioambiental de Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // A fotografía gañadora, de María Gutiérrez Cedrón.

O Concello de Nigrán fallou onte o seu “I Concurso de Fotografía Medioambiental: As invasoras” nacido co obxectivo de concienciar ao veciño e ao visitante da flora que ameaza o ecosistema dunar de Praia América-Panxón e difundir entre a poboación o seu coñecemento co fin de preservar a biodiversidade local.

A fotografía elixida como gañadora pertence a María Gutiérrez Cedrón, nela pódense ver a unha parella de gorrións posada en sendas herbas da pampa. O xurado valorou a calidade técnica e artística da imaxe, a capacidade para comunicar visualmente a existencia desa invasora e a orixinalidade e creatividade da mesma, xa que mestura fauna autóctona con flora foránea. O segundo premio recae en Fernando de la Peña Moreira cunha posta de sol sobre o sistema dunar no que se aprecia herba da pampa, entre outras. Finalmente, o terceiro premio é para Álvaro Rodríguez Pérez tamén por unha paisaxe dunar onde se ven diferentes invasoras. Os gañadores levarán respectivamente un curso de surf semanal para dúas persoas (1º), unha travesía de Paddle Surf tamén para dúas persoas (2º) -en ambos os dous casos ofrecido por Prado Surf- e un agasallo conmemorativo (3º).

As trece imaxes que cumpriron as bases para participar no concurso están colgadas no Facebook do Concello de Nigrán baixo o hashtag #invasorasnigran.

O Concello de Nigrán forma parte da Red de Gobiernos Locales por la Biodiversidad da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e, consecuentemente, encadra esta iniciativa de carácter educativo e divulgador na súa firme aposta pola conservación e protección do ecosistema dunar de Praia América-Panxón.

Anuncios