Anuncios
Ticker de novas

Nigrán inicia as obras de construción da nova Biblioteca Municipal

O Concello de Nigrán deu luz verde onte ás obras de construción da nova Biblioteca Municipal tras firmar os xefes de obra, empresa e alcalde a acta de replanteo e inicio de obra na propia parcela (Estrada pola Vía á altura de rúa do Panasco). Os traballos, adxudicados a Civis Global por importe de 1.280.000 € e subvencionados nun 80% pola Deputación de Pontevedra, comezarán coa retirada do mobiliario urbano e das árbores para poder emprender inmediatamente a escavación e posterior cimentación, coa previsión de que antes de final de ano a estrutura xa estea disposta. Civis Global xa conta en Nigrán con obras singulares en Porto do Molle como o Centro de Iniciativas Empresariais ou a nave de Ecoforest e a senda peonil e ciclista da PO-325.

“En menos dun ano Nigrán contará cunha Biblioteca Municipal de referencia en toda a comarca nun edificio bioclimático adaptado ás necesidades reais dunha poboación de 17.000 habitantes”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que a súa construción foi “un compromiso de goberno que levou aparellado moitos meses de traballo e estudo para primeiro dar co lugar e proxecto idóneo e despois para obter a financiación precisa”.

Así, tal e como xa se anunciara, o novo edificio sitúase nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O proxecto do estudo Gándara#Pons contempla un edificio de catro andares de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Ceán ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sustentabilidade ambiental. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada por planta baixa.

Cun deseño minimalista con fachada de granito silvestre e planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, constará de catro andares sen soto. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudo que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.

Anuncios